Discurso do Padriño da Promoción do Grao en Xeografía e Ordenación do Territorio da USC, Miguel Pazos, o 13 de xuño de 2015

Señor Decano, Señor Director do Departamento de Xeografía, Autoridades Académicas, Madriña, Compañeiros e Compañeiras, Señoras e Señores, Queridos alumnos e alumnas,

Boas Tardes,

Como diría o anterior Xefe de Estado “Me llena de orgullo y satisfacción ser vuestro Padrino”. Nunca antes fora elixido para tan alto propósito. Levo case 15 anos dando clases nesta Universidade e ningunha promoción ata este curso se fixara en min. Eu xa pensei que me quedaba para vestir santos, que morrería fermoso no mar maior, que todo o meu grande potencial padriñístico quedaría desproveitado polos séculos dos séculos, amén…. eu un día… produciuse o milagre.

Non sabedes a alegría que me deu saber que ía ser o voso Padriño. Non quero facervos a pelota, porque un profesor non lle fai a pelota aos alumnos, e menos en público, diante dos seus pais e dos compañeiros. Eu nunca fun “pelotilleiro”, e poden dar fe os meus antigos profesores, moitos dos cales están aquí están nesta sala. Pero quero manifestar aquí e agora que sodes unha promoción especial. Un grupo de alumnos e alumnas que fai máis certo que nunca aquelo de que “o importante non é a cantidade, senon a calidade”.

Estades a piques de convertervos en xeógrafos e xeógrafas. Lembro aquela broma que escoitei ao pouco de chegar á facultade, alá polo século XX: “¿Qué es la Geografía? Y tú me lo preguntas… Geografía eres tú.”

Queridos alumnos e alumnas, queridos todos: ¿Que é a Xeografía? É unha vella disciplina (algúns di que é un dos oficios máis vellos do Mundo), que está de plena actualidade. O territorio importa. E cada vez vai importar máis. A sociedade precisa xente como vós. Para diagnosticar, interpretar, analizar, planificar e xestionar o territorio, sempre dende un punto de vista social.

Pero falemos de vós, que ides ser en breve xeógrafos e xeógrafas… ¿como se pode recoñecer a un xeógrafo ou a unha dentro dun grupo de xente? Moi fácil. Darei 10 pistas para aqueles despistados (sic). Onde digo xeógrafo, engadide tamén xeógrafa, obviamente. Señoras e señores, alumnos e alumnas, voulles presentar a continuación o meu particular “Decálogo do bo xeógrafo”.

Antes de proseguir, prestemos atención ao que di o Dicionario da Real Academia Galega sobre esta palabra. O Dicionario defínea do seguinte xeito:

DECÁLOGO (substantivo masculino)

  1. Conxunto dos dez mandamentos da lei de Deus, dados a Moisés no monte Sinaí.O decálogo está gravado nas Táboas da Lei.
  2. Conxunto dos dez preceptos ou normas fundamentais no exercicio dunha actividade, profesión etc.O decálogo do estudante.

Consonte esta definición, este é o meu particular e persoal

DECÁLOGO DO BO XEÓGRAFO

ou

OS DEZ MANDAMENTOS DA LEI DO BO XEÓGRAFO

Aí van:

PUNTO 1. O xeógrafo non precisa GPS cando vai no coche. Ten o GPS na “cabesa”. Esquecédevos do TomTom, de Google Maps e de todas esas caralladas. Cun xeógrafo nunca te perderás. Os xeógrafos preferimos parar a falar cos paisanos e facerlles enquisas, entrevistas ou realizar observación participante. Somos así.

PUNTO 2. O xéografo gaña sempre ao Trivial, por razóns obvias. Nas preguntas de color azul non temos rival. E no resto defendémonos bastante ben, así que case sempre gañamos. Somos os compañeiros de xogos ideais en toda reunión social que se precie. Para culturetas, nós.

PUNTO 3. Derívase da anterior. O xeógrafo sabe un pouco de todo, porque é un Leonardo da Vinci do século XXI. Sempre é divertido estar cun xeógrafo. Quen a bo xeógrafo se arrima, boa sombra lle cobixa.

PUNTO 4. O xeógrafo é curioso por natureza, tolerante e aberto de mente. Hai moi poucos xeógrafos dogmáticos. Temos unha especial sensibilidade cara ás minorías e ás diferenzas, porque sabemos que a biodiversidade social e cultural é moi importante. A biodiversidade no medio físico tamén o é, claro (jeje).

PUNTO 5. O xeógrafo non aforra nunca nada. Gástao todo en viaxes. Estamos todo o día mirando billetes de avión. Unha das mellores noticias que nos deron nos últimos tempos foi a chegada de Turkish Airlines a Lavacolla, co seu hub de Estambul, e tiramos moito proveito do vóo directo de Vigo a París con Air France. Cun só transbordo estamos en calquera parte do mundo. As nosas familias e parellas non sempre comprenden este vicio de viaxar e de coleccionar países, pero saben que para nós é importante. A veces veñen con nós e a veces quedan. Pero sempre que voltamos dunha viaxe agardan ansiosos os imáns para a neveira.

PUNTO 6. O xeógrafo ten unha tendencia innata a facer “Xeografía do Ocio”, como sempre dicimos os compañeiros. Somos xeógrafos de día… e de noite. Facemos noso o mandamento que di “Santificarás as Festas”. O xeógrafo é festeiro e divírtese en grupo. Rara vez veredes a un xeógrafo só. A fraternidade xeográfica é universal e bebe na mellor tradición dos clásicos peripatéticos. O xeógrafo sempre está traballando, mesmo cando se divirte, porque como di o profesor Andión “El geógrafo, cuando viaja, trabaja”.

PUNTO 7. O xeógrafo pode pasarse horas e horas vendo un mapa de estradas, un libro de horarios de tren ou unha estantería chea de conservas con denominación de orixe nun supermercado. Lembro cando era un cativo e viaxaba con meus pais pola Península. Todos os anos íamos de camping ao Mediterráneo, cruzando provincias e máis provincias. Eu ía no coche agardando a chegada dos rótulos verdes, que sinalaban os límites provinciais: “Provincia de León!!”, “Provincia de Zamora!!”, Provincia de Cuenca!!”. Que emoción tan grande cando pisabas por primeira vez unha provincia nova. Só lembro unha emoción superior: cando o Dépor gañou a liga.

PUNTO 8. O xeógrafo valora e aprecia a boa mesa, porque a gastronomía é a expresión máis elevada da relación entre o medio físico e o ser humano. Hai poucos xeógrafos vexetarianos, e os poucos que hai, escóndenno. Algúns mesmo comen todos os días de táper agachados na escuridade dos seus despachos, porque saben que están a profanar un dos grandes principios dos xeógrafos: comer cos colegas e desfrutar dos produtos da terra e do mar. O mundo evolúe cada vez máis cara o táper, pero nós non acatamos esa deriva suicida. O xeógrafo adica tempo ao xantar, e socializa xantando.

PUNTO 9. O xeógrafo busca todas as excusas posibles para facer saídas de campo. Aínda que estea en Manhattan, en Berlín, en Roma ou en Tokio, o xeógrafo está sempre “no campo”. Un bo xeógrafo sempre leva unha libreta de campo. Xa a nosa mestra Dona Pilar de Torres Luna nos daba bos consellos. Un xeógrafo nunca se esquece da libreta de campo, onde vai anotando coidadosamente o que lle chama a atención, onde pode facer croquis, esquemas, gráficos, etc. Tamén nos valen as servilletas dos bares, claro. Pero a libreta é a libreta.

PUNTO 10. O xeógrafo é un “romántico rezagado” (aquí cito literalmente ao Profesor Durán) e un ser tecnolóxico ao mesmo tempo. O xeógrafo sintetiza tradición e modernidade. Ao fin e ao cabo, do Mapamundi de Ptolomeo ao gvSIG tampouco pasou tanto tempo… parece que foi onte.

COROLARIO

Estos 10 mandamientos se encierran en dos: “Amarás al Planeta Tierra sobre todas las cosas y a sus habitantes como a ti mismo”.

Non me enrollo máis. Foi un pracer ser o voso profesor, e foi un pracer tamén ter debatido convosco sobre o Feísmo, sobre Christianía e sobre moitas outras cousas. Lembrade que os profesores sempre estaremos aquí para axudarvos, para apoiarvos, para aconsellarvos e para todo o que precisedes.

Moita sorte para o camiño que estades a piques de comezar.

Moitas grazas