Liqen

Liqen retrata a cidade do Porto nos seus grafitis, e aproveita para satirizar ao turista. Este grande fresco está situado entre a Rúa das Flores (a máis xentrificada) e a Rúa Mouzinho da Silveira, na baixada da Estação de São Bento cara a Ribeira

tumblr_p0p0l1Nv1O1s3siqvo1_500.jpg

Cuestión de prioridades

A imaxe é da Illa Terceira, nos Azores. Alí estiven o pasado verán, admirando as paisaxes volcánicas como as que se ven na imaxe. A foto está tomada nun espazo atractivo, a carón do mar e moi preto dunhas piscinas naturais estupendas, en Biscoitos. Hai moita xente que estaría tentada de chegar e plantificar a súa tenda de campaña alí. Pero non pode ser. Debemos asumir que no turismo non todo serve, e que os espazos máis fermosos, máis atractivos ou máis interesantes adoitan ser lugares a onde todos os seres humanos queremos ir. Os espazos litorais soen ser os máis desexados por todo o mundo, tanto para ocupalos de xeito temporal como permanente.

​Teño a sensación de que pouco a pouco imos comprendendo que hai que poñer límites, que non se pode medrar indefinidamente. Este verán pasado escoitamos falar da turismofobia cunha intensidade inédita. Ata que tivo lugar o terrible atentado das Ramblas de Barcelona, a turismofobia estaba a cotío nos medios, e percibíase como o grande problema de cidade. Como cambiou o panorama nunhas poucas semanas! Despois dos atentados veu o 1 de outubro e todo o abismo ao que nos asomamos agora mesmo. Xa non se fala de turismofobia. Pero é de agardar que as augas volten ao seu cauce e a turismofobia (afortunadamente) volte a ser o principal problema en boca de todos. Será sinal de que outras tribulacións moito máis desasosegantes terán deixado de selo.

O futuro do Turismo en Trevinca: esta vez non podemos permitirnos facelo mal

As xornadas de Trevinca foron un éxito. Os meus compañeiros Valerià Paül e Juan Manuel Trillo son os responsables. Parabéns!! Trevinca e as súas montañas cada vez están máis no mapa como destino turístico. Unha das apostas de futuro destas terras do sueste galego é converterse nunha plataforma de observación do ceo nocturno. Cumpren todos os requisitos: baixa contaminación lumínica e horizontes relativamente abertos (para ser unha área de montaña). Si, porque estas montañas, como falabamos onte Juanma Trillo, Alberto Martí e eu mesmo co profesor Josep Panareda, son unhas montañas diferentes, moi sobrias, cargadas de dignidade. Non son unhas montañas masificadas, de acceso fácil, onde se poida poñer en práctica iso do “chegar e encher”. Non. Son unhas slow-mountains, se se me permite. Cómpre achegarse de vagar; vai levar o seu tempo. Cómpre ir parando o coche nos codos e recodos das estradas, e ir desfrutando das paisaxes. A cualificación da Veiga como destino Starlight é unha grande oportunidade para recibir “astro-turistas” e contribuir ao desenvolvemento desta parte de Galicia. Pero ogallá que se faga de xeito sustentable. Non podemos permitirnos estragar máis paisaxes soberbias. En pleno 2016, Trevinca e arredores son un auténtico reservorio de paisaxes ben conservadas. 

12552975_209236292759829_7618545138375455878_n.jpg
Foto: Proxecto Terra do COAG

Pero non nos enganemos: estas paisaxes chegaron ata nós neste magnífico estado grazas ao abandono e ao despoboamento rural e, sobre todo, ao seu grande illamento en relación cos principais centros urbanos do noroeste peninsular. Non é terra de paso. É terra de fin de traxecto e de terminus. Quen vai a Trevinca e á Veiga vai a desfrutar dun rural rutilante, da paz do silencio das montañas e da auga fresca que baixa da neve. Estas paisaxes non se conservaron así de ben grazas a ningunha política de ordenación do territorio en concreto. Chegaron ata nós así porque a xente emigrou e porque non hai presión turística no territorio. Agora poden comezar a chegar os turistas, e benvidos sexan, por suposto. Pero con sentidiño e sensibilidade. Agora que se van aplicar ferramentas de planificación e ordenación do territorio, e que partimos dunha situación ideal, non podemos fallar. Estas xornadas marcaron o comezo e as liñas a seguir.