Liqen

Liqen retrata a cidade do Porto nos seus grafitis, e aproveita para satirizar ao turista. Este grande fresco está situado entre a Rúa das Flores (a máis xentrificada) e a Rúa Mouzinho da Silveira, na baixada da Estação de São Bento cara a Ribeira

tumblr_p0p0l1Nv1O1s3siqvo1_500.jpg

Cuestión de prioridades

A imaxe é da Illa Terceira, nos Azores. Alí estiven o pasado verán, admirando as paisaxes volcánicas como as que se ven na imaxe. A foto está tomada nun espazo atractivo, a carón do mar e moi preto dunhas piscinas naturais estupendas, en Biscoitos. Hai moita xente que estaría tentada de chegar e plantificar a súa tenda de campaña alí. Pero non pode ser. Debemos asumir que no turismo non todo serve, e que os espazos máis fermosos, máis atractivos ou máis interesantes adoitan ser lugares a onde todos os seres humanos queremos ir. Os espazos litorais soen ser os máis desexados por todo o mundo, tanto para ocupalos de xeito temporal como permanente.

​Teño a sensación de que pouco a pouco imos comprendendo que hai que poñer límites, que non se pode medrar indefinidamente. Este verán pasado escoitamos falar da turismofobia cunha intensidade inédita. Ata que tivo lugar o terrible atentado das Ramblas de Barcelona, a turismofobia estaba a cotío nos medios, e percibíase como o grande problema de cidade. Como cambiou o panorama nunhas poucas semanas! Despois dos atentados veu o 1 de outubro e todo o abismo ao que nos asomamos agora mesmo. Xa non se fala de turismofobia. Pero é de agardar que as augas volten ao seu cauce e a turismofobia (afortunadamente) volte a ser o principal problema en boca de todos. Será sinal de que outras tribulacións moito máis desasosegantes terán deixado de selo.