Little summer

Noite de 29 de setembro. O veranillo de San Miguel termina. Foi moita calor estes dous días. Xustamente na fin de semana temos pensado ir á Illa de Ons, e resulta que o tempo vai mudar. A Lei de Murphy. Xa levo máis de quince días de clases, e a maquinaria está a pleno rendemento. Neste primeiro cuadrimestre penso que imparto máis docencia que nunca. No Master de Planificación Territorial estou impartindo en paralelo tres materias: Planificación Estratéxica e Marketing Urbano, Desenvolvemento Local e Recursos Endóxenos e Tecnoloxías da Información, Desenvolvemento Territorial e Sociedade do Coñecemento. Esta última materia é a primeira vez que a imparto, e supón para min unha grande satisfacción, pois o tema gústame moito e conecta con moitas das miñas inquedanzas recentes en investigación. As novas tecnoloxías están moi relacionadas coa mobilidade e o transporte de múltiples xeitos e, dende logo, co turismo. Nestes dous ámbitos, a introdución da conectividade constante a través de dispositivos móbiles está a revolucionar por completo o panorama. Todo cambia e case nada segue igual. Dende logo, todo isto está moi relacionado tamén coa Planificación Estratéxica e o Marketing Urbano, de xeito que os contidos comúns son moitos, e créanse interesantes sinerxias. No grao estou a impartir Xeografía de Europa, que é outra materia con enormes potencialidades. As primeiras clases reflexionamos sobre a idea de Europa e o concepto de Europa. Semella que Europa é un concepto cultural que se foi construindo ao longo do tempo. Todo o mundo está de acordo coa súa existencia, pero ninguén parece concordar nos seus límites. Nas clases estivemos vendo como foron mudando as fronteiras entre os diferentes países europeos ao longo da historia, e tamén a diversidade das situacións dos confíns leste de Europa. A tensión entre Rusia e a Unión Europa leva a unha especie de guerra fría (en ocasións, quente) polo control de territorios como Ucraína, absolutamente partidos e divididos. Se imos cara o Cáucaso, a situación non mellora moito, con moitas tensións en Georgia por Abjazia e Osetia do Sur. Rusia quixo ser Europa no século XVIII, pero agora quere ser Rusia. Putin gaña eleccións como quen fai churros. E o xigante ruso ten nostalxia imperial. Tamén adicamos bastante tempo a falar do Consello de Europa e da peculiar situación de Bielorrusia, o único país de Europa onde aínda existe a pena de morte. Semella incrible ver o desfile do Día da Independencia en Minsk. É Europa. E ten fronteira con Lituania e Polonia, entre outros países. Europa desfaise pola crise económica, polo Brexit e, sobre todo, pola súa incapacidade para dar resposta ás sucesivas crisis humanitarias que vemos pasar polos nosos televisores e smartphones. Asistimos a unha traxedia diaria en tempo real, retransmitida en directo, e o pior de todo é que chegamos a acostumarnos ás imaxes, ás testemuñas de dor e de desgraza. O Mediterráneo foi o mar que unía, onde Europa, África e Asia se atopaban. Agora o Mediterráneo xa non é máis esa membrana líquida, senon que é un foxo ao que caen centos e centos de persoas desesperadas, que escapan da desolación. Aquí seguimos debatendo sobre os dous bandos do PSOE ou sobre errejonistas e pablistas, pero a realidade do que acontece aí ao lado é pavorosa. Como xeógrafo, gustaríame que se adicase máis atención a estas cuestións. Eu dende logo teño o propósito de facelo. A xeopolítica gústame moito, cada vez máis, e penso que isto é unha cuestión de xeopolítica e dereitos humanos. Por hoxe vouno deixar. Mañá teño tres reunións e dúas horas de clases. Mañá máis.