A estación Padrón-Barbanza: máis vale tren rexional en man que AVE voando

Onte, 28 de abril de 2015, fixen unha saída de campo cos alumnos do master e co Profesor Nico Kotze, da Universidade de Johannesburgo, que está visitando estes días a nosa facultade. O obxectivo da saída era ver algúns dos impactos territoriais da nova liña de alta velocidade ferroviaria, recentemente inaugurada polos nosos políticos.

qqqqqqq

A primeira parada foi a nova estación Padrón-Barbanza, que curiosamente non está situada nin en Padrón nin moito menos no Barbanza. De feito, como ten sinalado o arquitecto Carlos Fernández Coto, Santa Uxía de Ribeira-Riveira está a máis de 50 kilómetros. É un bo exercicio de imaxinación inventar un nome tan rechamante para esta estación.

A estación Padrón-Barbanza, situada na Escravitude. Foto de @MateoCornado
A estación Padrón-Barbanza, situada na Escravitude. Foto de @MateoCornado

Si, estamos ante unha nova gare-vert, como di Jean François Troin, ou unha estación de remolachas, como adoitan dicir os franceses. Mateo Cornado, alumno meu, suxire a denominación “estación dos pementos” para chamarlle a este novo prodixio. Eu creo que é unha boa denominación. Fóra bromas, non é unha idea nada mala. Do perdido, hai que sacar o que se poida. Aproveitemos esta nova estación para impulsar a imaxe de marca de Padrón, é dicir, os famosos pementos (xa se sabe que uns pican e outros non).

Atopar esta estación de pseudo-alta velocidade tivo o seu aquel. Collemos a N-550, de Santiago a Padrón, pasamos polo Milladoiro, Balcaide… e chegamos ata Pazos, ás portas mesmas de Padrón. Por suposto, pasamos pola Escravitude, onde sabiamos que estaba a estación, pero non había ningún rótulo. Pensamos que o desvío estaría máis adiante.

A Escravitude. Foto de @GuidoAlvarezP
A Escravitude. Foto de @GuidoAlvarezP

Unha parella da garda civil non foi quen de axudarnos a encontrar a gare. Geocaching, busca do tesouro… o xogo estaba servido. Miguel de la Quadra Salcedo estaría na súa salsa.

Pasamos o paso a nivel sobre a vella vía na Escravitude comezamos a ver un anaco da estación aló ao lonxe. Non foi doado chegar a ela, porque primeiro fomos parar a unha rotonda de fondo de saco. Só despois de facernos unha composición de lugar puidemos atopar o camiño. Non hai nin un só rótulo, abofé.

Acceso á estación Padrón-Barbanza dende A Escravitude (N-550). Autor: @MateoCornado
Acceso á estación Padrón-Barbanza dende A Escravitude (N-550). Foto de @MateoCornado

Unha vez que chegamos á estación, quedamos abraiados pola grande superficie de estacionamento. Somos campións do mundo de asfaltado, e temos que amosar a nosa supremacía. Na explanada da gare hai espazo para trasladar a feira de Padrón enteira. Será por espazo!! Aquí facémolo todo ao grande. En épocas de bonanza económica e tamén en plena crise… que máis ten!! Moita austeridade “asfaltil” aquí non hai, non…

Asfaltar, asfaltarei / loguiño de crarear / en tanto no pobo medre / un meniño, un vello e un cantar. Foto de @MateoCornado
Asfaltar, asfaltarei / loguiño de crarear / en tanto no pobo medre / un meniño, un vello e un cantar. Foto de @MateoCornado

A estación é un edificio máis ben pequeniño, cun acceso correcto para unha cadeira de rodas e lugares de estacionamento ben sinalizados para taxis e coches de persoas con mobilidade reducida. Ata aquí todo ben. O problema xurdiu cando quixemos acceder á estación para poder vela por dentro.

Co profesor Nico Kotze, da Universidade de Johannesburgo. Foto de @GuidoAlvarezP
Co profesor Nico Kotze, da Universidade de Johannesburgo. Foto de @GuidoAlvarezP

Non puidemos acceder. Asomamos a cabeza polas reixas, e acudiu a nós un garda de seguridade. Informounos amablemente que a estación está pechada, e que só se abre media hora antes de que chege un tren. Incrible, pero certo.

Como lle dixemos que somos afeccionados ao ferrocarril e que queríamos ver a estación por dentro, o home foi buscar uns horarios de trens e entregounos catro copias, tentando compensar o feito de non poder acceder á estación.

Non comprendemos. A estación foi inaugurada hai unhas semanas, e está operativa, pero non está aberta todo o día. É unha estación a tempo parcial. Ata os edificios teñen “minijobs” agora.

Había operarios traballando, porque a estación non está aínda rematada. É dicir, está inaugurada, pero non está rematada. Moi típico.

Pola nova liña circulan 3 trens diarios en cada sentido. O primeiro tren parte ás 6 da mañán. Non me imaxino canta xente poder subir a ese tren. A nova estación está a 16 kilómetros de Compostela, e o billete custa 3,65 euros. ¿Iso son cercanías de alta velocidade ou que son? Un padronés ou padronesa… ¿collerá o coche para percorrer os 6 kilómetros e a continuación subirá ao tren para ir a Santiago pagando este “pastizal”?

A captura de pantalla é de @KarlosKoto
A captura de pantalla é do arquitecto @KarlosKoto

O caos conceptual é infinito, e a xente cada vez emprega menos o tren na súa mobilidade diaria. Triste, moi triste.

IMG_20150428_234017