Domingo

18 de marzo de 2018. Luscofusco na Rúa de San Pedro. A palabra designa ese momento no que un non sabe moi ben se é de día ou de noite. Acaba a semana e mañá virá máis frío, din os pemáns e maldonados varios. Putin arrasou nas eleccións rusas o cal, sexamos sinceros, non é ningunha novidade. Desde que o mundo é mundo hai autócratas. O novo Zar acumula moito poder e consolídase tal vez como a persoa máis poderosa do mundo. Poder para influir na cidadanía, poder para condicionar a política externa, poder para ser aclamado e poder para recuperar o vello orgullo de pertencer ao maior estado do globo terráqueo. Dicía Kapuscinski, fervente anti-soviético, que o Imperio Ruso espertaba un grande patriotismo entre os cidadáns debido a que se sabían os máis grandes, aínda que só se tratase de quilómetros cadrados. Logo ao mellor o país era un caos, estaba anticuado ou había miseria, pero aos cidadáns soviéticos (homos sovietcus, como dicía Svetlana Aleksiévich) ninguén lles podía negar o dereito ao primeiro lugar en número de fusos horarios. Agora Rusia xa non é tan grande como a CCCP, pero está gañando cada vez máis influencia. Putin coloca a Rusia no mapa, con granxas de bots, purgas de disidentes e inhabilitacións frecuentes de rivais políticos. O ex-KGB xoga as súas cartas con habilidade, e non parece a curto prazo que ninguén lle poida facer sombra. Estado autocrático? Si, pero cando foi Rusia unha auténtica democracia? De Kaliningrado a Vladivistok, de Magadan a Kazan, de Murmansk a Irkutsk, a realidade rusa atráeme e asústame por igual.

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out /  Change )

Google photo

You are commenting using your Google account. Log Out /  Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out /  Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out /  Change )

Connecting to %s