Arde Galicia. Por que pasou o que pasou?

Arde Galicia. É unha enorme desgraza que non se pode atribuir só a incendios provocados. Temos un problema estrutural co monte en Galicia. Temos un problema coa ordenación do territorio. É sensato recoñecelo. Ardeu tamén Portugal e ardeu tamén Asturias. O cóctel era explosivo, certamente: unha calor extrema, unha seca de varios meses, e moito vento. Pero debemos recoñecer que non podemos seguir así. Temos que cambiar o modelo: non podemos adicarnos a ser unha plantación industrial de eucaliptos porque nos xogamos o futuro.

IMG_20171015_122325

Monte de piñeiros queimado no municipio de Cortegada (Ourense), visto desde Crecente (Pontevedra). Foto de Miguel Pazos, 15 de outubro de 2017

 

O eucalipto dá cartos a curto prazo; a medio e longo prazo é un desastre. Esgota o solo, favorece a propagación do lume, e crea un círculo vicioso infernal do que nunca sairemos se non hai unha vontade decidida de mudar todo. En Portugal xa o fixeron. Dixeron non a máis eucaliptos.

En Galicia temos un modelo territorial que si funcionaba nunha economía agraria de subsistencia, con máis de 31.000 asentamentos de poboación en algo menos de 30.000 quilómetros cadrados. O aproveitamento intensivo do monte como parte fundamental da vida das aldeas garantía a súa conservación. Todo o territorio estaba coidado e traballado de xeito meticuloso. A partir dos anos 1950 e 1960, a rápida urbanización e a concentración da poboación nas cidades e vilas comezou a baleirar o campo e deixou abandonado o monte á súa sorte. O monte converteuse nun espazo sobrante, cesante, que se podía empregar para sacar uns cartos plantando piñeiros e eucaliptos. Diñeiro fácil, sen complicacións… por que non facelo? Os que nacemos na década dos setenta xa coñecemos unha Galicia eucaliptizada. A planta de ENCE na Ría de Pontevedra é o símbolo máximo deste camiño cara o inferno que percorreu Galicia nas últimas décadas.

Lume nos contornos de Piñor e Cea (Foto de Miguel Pazos, 15 de outubro de 2017)

 

En parelelo á concentración da poboación nas cidades, no rural o urbanismo adoptou patróns territoriais descabellados, con crecementos espontáneos á marxe de toda lóxica espacial. Primeiro non había ordenación do territorio. Despois comezou a habela, pero sen carácter verdedeiramente vinculante e con produción de documentos a eito que son ambiguos, cando non baleiros. Ti vai facendo. E así. Construíuse na costa. Construíuse no medio do monte. Fixéronse casas en calquera lugar, sen control, sen lóxica territorial. Pasamos de ter máis de 31.000 asentamentos a ter un auténtico caos de casas, naves, parques empresariais baleiros, coas súas correspondentes pistas, estradas e accesos de todo tipo, negociadas en cada campaña electoral como un asunto de estado. E logo aínda hai xente que se pregunta como é posible que exista en Galicia o mal chamado “feísmo”, un fenómeno que interesadamente moitos medios de comunicación limitan a unha mera escolla de fotos que ridiculizan e culpabilizan a cidadáns individuais. Esa ocupación caníbal do territorio aumentou a exposición de persoas e bens aos efectos dos lumes, e converteu Galicia nun territorio cada vez máis vulnerable.

Somos reféns do noso triste destino. A falta de orgullo polos modos de vida rurais correu moi en paralelo coa exaltación da vida urbana, dos edificios de once pisos nas vilas: O Carballiño, Noia, Ponteareas e tantas outras. Fomos condenando ao resto do territorio non urbano, que quedaba só para os vellos e, máis recentemente, para pasar un fin de semana de “turismo rural”. A conservación da natureza nin está nin se lle agarda, reducida a unha proporción ínfima do territorio galego, o 12%, a menor porcentaxe do estado. O modelo construímolo entre todos, e hai que ser críticos con el. Este é o punto de partida.

E logo están as deficiencias na xestión dos servizos de extinción de incendios. O problema da falta de planificación dos brigadistas. As eivas estruturais na xestión do caos. Todo xunto, todo interrelacionado, conduciu a esta apocalipse, que nos negamos a asimilar, pero da que teremos que saír entre todos. Pobres de nós se non o facemos.

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out /  Change )

Google photo

You are commenting using your Google account. Log Out /  Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out /  Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out /  Change )

Connecting to %s