O Gaiás non é o Guggenheim

Curioso asunto isto do marketing territorial e os arquitectos estrela. En tempos de vacas gordas, todos os alcaldes e políticos en xeral querían contratar a un arquitecto famoso para que construise un “flagship” project na súa cidade. Veu a crise, a fin das vacas gordas e agora temos elefantes brancos. Todo o mundo quixo replicar o Efecto Guggenheim, pero non foi posible. Algunhas persoas esquecen que detrás do Guggenheim había un proxecto integral de renovación dunha cidade en crise, no que o museo era unha peza. A peza estrela, pero era unha peza. Tratábase de reacondicionar Abandoibarra e de rematar coa imaxe dunha cidade suxa e industrial. Construíronse pasarelas peonís, aumentouse o espazo en uso público e tamén se construiu o Auditorio Euskalduna. Racionalizouse o trazado ferroviario e soterrouse unha importante parte do tráfico rodado. Ademais o Goberno Vasco apostou polo tranvía. O Euskotram foi empregado como un elemento de renovación urbana, pero tiña utilidade. O propio Museo Guggenheim respondía a unha concepción seria e razoada. Era un museo de arte contemporánea ao que se lle ía dotar de contidos concretos e coherentes. Nada diso sucedeu en moitos outros proxectos arquitectónicos erguidos cos cartos de todos, como a Cidade da Cultura de Galicia. O soño de Manuel Fraga tornouse nun pesadelo. Aínda me doen os oídos cando escoito a Einsenman dicir que se non se dá rematado a obra, el mesmo carrexará as pedras para finalizala.IMG_20160621_180642.jpg Einsenman colleu o diñeiro e quedou feliz. O proxecto estrela da súa vida, semella. Cando se entra na web do arquitecto americano o primeiro que aparece é o Gaiás. Despois de moitos anos de tumbos para un lado e para outro, o bipartito que gobernou Galicia de 2005 a 2009 non foi quen de paralizar o monstro, que seguiu devorando recursos públicos. Tivo que ser de novo o goberno conservador de Feijóo quen se puxese a medalla da paralización das obras que o mesmo partido iniciara anos atrás. Se hoxe imos ao Gaiás podemos ver un monumento ao chamado “feísmo”, con varios edificios sen rematar. A metáfora perfecta da Galicia sempre inacabada, desgobernada, sen proxecto, sen rumbo. Os edificios que funcionan son enormes, desproporcionados, ao igual que as dimensións de todo o complexo. Eu tento verlle o lado positivo, pero de verdade que non o logro. Cultura é estimular o coñecemento, a ciencia, as artes e investir a medio e longo prazo en activos intanxibles. Cultura non é gastar como se non houbese mañá na construción, coa esperanza de que os edificios por si sós obrarán a milagre. Somos reféns deses tempos desquiciados onde calquera xogaba a ser Deus. Daqueles tempos nos que un ex-ministro de Franco quixo pasar á posteridade no seu retiro periférico dourado.

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out /  Change )

Google photo

You are commenting using your Google account. Log Out /  Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out /  Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out /  Change )

Connecting to %s